Sunday 05 de May de 2024

A Consellería de Medio Ambiente estudará colaborar co Concello de Noia no proxecto de recuperación da marxe fluvial do río Traba


 

O alcalde, Santiago Freire Abeijón, presentoulle á conselleira esta iniciativa de recuperación do patrimonio natural que contempla unha senda peonil de 1.500 metros desde o río Traba ata o núcleo de Xei

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, confirmoulle hoxe ao alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, que o seu departamento analizará a posibilidade de colaborar no proxecto de recuperación da marxe fluvial do río Traba ao seu paso por este municipio. Un proxecto presentado hoxe á conselleira polo alcalde noiés, quen estivo acompañado polos concelleiros de Obras, Martín Fernández Godón; e Economía, Laura Salgado García.

Freire Abeijón presentou unha iniciativa de recuperación dun treito de 1.500 metros que vai dende o río Traba ata o núcleo de Xei. As obras consisten na creación dunha senda peonil, que porá en valor unha zona a medio camiño entre O Couto (Noia) e Portobravo (Lousame), onde existe un núcleo urbano deshabitado con valor etnográfico. Trátase da aldea de Xei, que é un exemplo dunha paisaxe de ribeira con arborado variado, na que é preciso levar a cabo unha actuación de recuperación e de protección da fauna e da flora.

Ánxeles Vázquez confirmou que dará traslado aos departamentos da Consellería que dirixe para analizar o proxecto e estudar a posibilidade de colaboración con esta actuación dentro dos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente.